A FUNDACIÓN EROSKI FOMENTA A ALIMENTACIÓN SAUDABLE CO CONCURSO “IMAGINE FOOD”

Bota a andar a terceira edición do Programa Educativo en Alimentación e Hábitos Saudables “Enerxía para Medrar”

A FUNDACIÓN EROSKI FOMENTA A ALIMENTACIÓN SAUDABLE CO CONCURSO “IMAGINE FOOD”

  • Escolares de entre 6 e 12 anos poden participar desde hoxe neste concurso de debuxo.
  • Os 30 debuxos finalistas serán interpretados polo chef Peio Gartzia e recollidos nun libro.

Elorrio, 6 de outubro do 2014.- Tras o recente inicio do curso escolar e dentro da terceira edición do Programa Educativo en Alimentación e Hábitos Saudables da Escola de Alimentación, Fundación EROSKI pon en marcha hoxe “Imagine Food”, un concurso de debuxo dirixido a  escolares de entre 6 e 12 anos. O obxectivo é concienciar os estudantes e profesores da importancia de levar unha alimentación equilibrada e saludable. Para iso, o concurso conta cun dobre aliciente. Por unha banda, serán premiados os tres debuxos máis votados e, pola outra, os 30  debuxos finalistas serán interpretados polo chef Peio Gartzia e recollidos nun libro de receitas.

“En Fundación EROSKI pensamos nos máis pequenos para crearmos un proxecto no que poden potenciar a súa imaxinación debuxando creativas e orixinais receitas. Un concurso para demostrar que con alimentos saudables tamén o poden pasar ben e, sobre todo, para converter o que  en moitas ocasións pode parecer obriga en diversión”, sinalou Alejandro Martínez Berriochoa, director da Fundación EROSKI.

Os centros escolares que queiran participar poderán consultar as bases legais na páxina web imaginefood.escueladealimentacion.es e rexistrarse, de xeito totalmente gratuíto, para enviar os seus debuxos dixitalizados (jpg, gif e png) entre hoxe e o 15 de novembro, inclusive. Eduardo Cifrian, responsable da Escola de Alimentación da Fundación EROSKI, Peio Gartzia, cociñeiro profesional, e Elena Urdaneta, directora de I+D do Basque Culinary Center, forman o xurado que seleccionará os 30 primeiros finalistas. Os rapaces participantes rexistrados na páxina web poderán entón votar de entre estes os seus 10 favoritos. Posteriormente, o xurado determinará os tres debuxos gañadores. O criterio para a selección dos tres debuxos gañadores basearase na orixinalidade, na estética e na idoneidade desta receita para formar parte dun menú  saudable.

“Haberá un gañador por cada ciclo de Estudos de Primaria (1o, 2o e 3o ciclo) e serán premiados os alumnos gañadores e mais os seus centros escolares. Aos alumnos gañadores entregaráselles cadansúa bicicleta e cada escola recibirá cadanseus 2000 euros para investilos na mellora  das súas instalacións. Ademais, as 30 receitas finalistas pasarán da imaxinación dos nenos á cociña do chef Peio Gartzia, xa que serán publicadas nun libro”, explicou Alejandro Martínez Berriochoa.

TERCEIRA EDICIÓN DO PROGRAMA EDUCATIVO PARA ESCOLARES

Este concurso forma parte das actividades que acompañan o lanzamento da terceira edición do Programa Educativo “Enerxía para Medrar” da Fundación EROSKI, no seu afán de promover a alimentación e os hábitos de vida saudables entre os máis cativos.

Os centros escolares que queiran participar nesta nova edición pódeno facer a través de www.escueladealimentacion.es. “A resposta dos centros escolares está a ser moi boa. A finais de setembro tiñamos xa cubertas un terzo das inscricións do curso pasado, con máis de 6.000  escolares rexistrados e 200 obradoiros xa acordados”, detallou o director da Fundación EROSKI.

Máis de 16.000 nenos e nenas de preto de 300 centros escolares de toda España participaron nas dúas primeiras edicións deste programa, configurado por un Comité Científico formado por profesionais de disciplinas como a medicina, nutrición e dietética, psicopedagoxía e pedagoxía.

Mantendo un formato que se basea na combinación de sesións teóricas na aula escolar con obradoiros prácticos, o Programa Educativo en centros escolares inclúe novos contidos co obxectivo de contribuír a unha mellor formación dos alumnos en alimentación sa e hábitos de vida  saudables. Xa que logo, inclúense tres novas sesións para ampliar o coñecementos dos estudantes: ‘Os produtos da miña terra’, ‘Nutrición no mundo (en colaboración con UNICEF)’ e ‘Cómo me alimento e coido o meu mundo’ (co apoio de WWF).

O traballo, impartido en oito sesións na clase, compleméntase con dous obradoiros nos que os alumnos poñen en práctica o aprendido. Ao habitual de `facer a compra para elaborar un menú saudable ́, engadirase ao longo desta edición outro denominado ‘Os produtos da miña Terra’,  no que os nenos e nenas van coñecer de primeira man nas instalacións de produtores agroalimentarios a orixe dos alimentos da súa comunidade e comprobar a importancia que ten a produción de alimentos locais.