Leva formado en alimentación e hábitos saudables a máis de 16.000 alumnos de case 300 escolas
FUNDACIÓN EROSKI LANZA A TERCEIRA EDICIÓN DO SEU PROGRAMA EDUCATIVO PARA ESCOLARES CON NOVAS SESIÓNS EN COLABORACIÓN CON UNICEF E WWF
- Incorpora un obradoiro práctico chamado ‘Os produtos da miña Terra’, no que os nenos e nenas coñecerán nas instalacións de produtores agroalimentarios a orixe dos alimentos da súa comunidade e comprobarán a importancia que ten a produción local
- A nutrición noutros países e a alimentación sostible son as outras dúas novas sesións de traballo elaboradas coa colaboración de UNICEF e WWF
- As escolas interesadas pódense rexistrar a través da web energiaparacrecer.escueladealimentacion.es
Elorrio, 11 de xuño do 2014-. Fundación EROSKI, no seu devezo por promover a alimentación e os hábitos de vida saudables nos máis pequenos, aposta un ano máis polo seu Programa Educativo dirixido a escolares. Esta edición, a terceira desde o seu nacemento no 2012, ofrécelles aos alumnos e mais aos profesores novos contidos, máis actividades e obradoiros prácticos. O programa configurouno un Comité Científico formado por profesionais de disciplinas como a medicina, a nutrición e dietética, a psicopedagoxía e a pedagoxía.
O Programa Educativo en Alimentación e Hábitos Saudables en centros escolares, no que participaron nas súas dúas primeiras edicións máis de 16.000 nenos e nenas de preto de 300 centros escolares, “segue a medrar e a mellorar os seus contidos a partir das valoracións e achegas realizadas polos docentes que xa o impartiron. Servírmonos da experiencia das escolas que xa participaron no programa é a mellor estratexia para seguirmos a transmitir estes valores dun xeito adecuado”, afirma o director da Fundación EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.
Novas sesións coa colaboración de UNICEF e WWF
Mantendo un formato que se basea na combinación de sesións teóricas na aula escolar con obradoiros prácticos, o Programa Educativo en centros escolares inclúe novos contidos co obxectivo de contribuír a unha mellor formación dos alumnos en alimentación sa e hábitos de vida saudables. Xa que logo, inclúense tres novas sesións para ampliar o coñecemento dos estudantes: ‘Os produtos da miña terra’, ‘Nutrición no mundo (en colaboración con UNICEF)’ e ‘Como me alimento e coido o meu mundo’ (co apoio de WWF). “Consideramos importante incidir nos beneficios dos produtos locais, pero ao mesmo tempo coidamos que cómpre profundizarmos na realidade que se vive nalgúns países e concienciármonos sobre o coidado do noso mundo”, afirma Alejandro Martínez Berriochoa.
O traballo, impartido nas oito sesións en clase, compleméntase con dous obradoiros nos que os alumnos van pór en práctica o aprendido. Ao habitual de `facer a compra para elaborar un menú saudable ́, súmase nesta edición outro denominado ‘Os produtos da miña Terra’, no que os nenos e nenas van coñecer de primeira man nas instalacións de produtores agroalimentarios a orixe dos alimentos da súa comunidade e comprobar a importancia que ten a produción local.
Fomentar a alimentación sa, practicar exercicio e levar uns hábitos de vida saudables son obxectivos que “os nenos e nenas de Educación Primaria -o programa diríxese fundamentalmente aos cursos de 4o e 5o- teñen que aprender dun xeito divertido. Por iso, os personaxes Tix & Loy volverán ser quen lles transmitan todos estes valores dun xeito entretido para eles”, conclúe o director de fundación EROSKI.
As escolas que queira participar nesta nova edición xa o poden facer a través de energiaparacrecer.escueladealimentacion.es.
Sobre Fundación EROSKI
Fundación EROSKI, constituída en 1997 por EROSKI, ten como obxectivos a promoción e defensa dos consumidores e, en especial, a formación e información ao consumidor; o impulso das relacións intercooperativas; a promoción educativa, cultural e profesional, en especial en materia consumerista e de compromiso co contorno e co medio natural; a solidariedade e a promoción asistencial; e a investigación, desenvolvemento e innovación en relación co consumerismo, a alimentación, o medio natural e mais os hábitos de vida saudables.