A FUNDACIÓN EROSKI E UNILEVER ENTREGAN OS PREMIOS DA 2ª EDICIÓN DE IMAGINE FOOD

  • Máis de 900 escolares de toda España, de entre 6 e 12 anos, participaron na segunda edición deste concurso de debuxo
  • Tres escolares de Mondragón, Sevilla e Toledo, respectivamente, foron os gañadores en cada unha das tres categorías do premio
  • O cociñeiro Peio Gartzia encargouse novamente de facer realidade os debuxos e convertelos nuns deliciosos e saudables pratos que se recompilaron nun libro
  • O certame enmárcase no programa educativo “Enerxía para Medrar” da Fundación EROSKI que na súa actual cuarta edición xa alcanza unha participación de 75.000 escolares

 

Elorrio, 18 de abril do 2016.- A Fundación EROSKI entregou os premios da segunda edición de “Imagine Food”, un concurso de debuxo dirixido a escolares de entre 6 e 12 anos. A proposta busca concienciar o alumnado, profesorado e pais da importancia que ten a alimentación na saúde e demostrar que comer san pode ser saboroso e divertido. O concurso contou nesta nova edición coa colaboración de Unilever.

Na categoría de escolares do primeiro ciclo de Primaria (1º e 2º) a gañadora foi Lucía Olveira do Colexio Tirso de Molina en Argés (Toledo) coa súa proposta Verdufish amoroso. Na categoría de escolares do segundo ciclo de Primaria (3º e 4º) resultou gañadora Irati Unamuno de Arizmendi Ikastola en Mondragón (Guipúscoa) coa súa receita Unibertsoa. Na categoría de escolares do terceiro ciclo de Primaria (5º e 6º), a proposta Espadachines de Rafael Carracedo do Colexio Alfares en Sevilla resultou vencedora. Aos tres gañadores entregóuselles unha bicicleta e a cada centro educativo 2.000 euros para investir na mellora das súas instalacións, especialmente daquelas que poidan facilitar unha vida máis saudable.

A boa acollida da primeira edición de Imagine Food animounos a poñer en marcha de novo a experiencia e o resultado foi extraordinario, con 908 debuxos, fronte aos 550 da primeira edición, e cun volume de tráfico á web do concurso con máis de 90.000 visitas e máis de 65.000 usuarios únicos entre as dúas edicións. Para a Fundación EROSKI educar os cativos en alimentación saudable é un obxectivo primordial e coidamos que o mellor xeito de facelo é a través de actividades lúdicas como este concurso, que se está revelando como unha eficaz plataforma para aprender a comer de maneira equilibrada”, sinalou Alejandro Martínez Berriochoa, director da Fundación EROSKI.

O criterio para a selección dos tres debuxos gañadores baséase na orixinalidade, na estética e na idoneidade desta receita para formar parte dun menú equilibrado. Os debuxos finalistas do concurso levounos do papel ao lume o cociñeiro Peio Gartzia, que novamente se encargou de facelos realidade e de convertelos nuns deliciosos e saudables pratos. Ademais, as trinta receitas finalistas recompiláronse nun libro a carón dos debuxos orixinais e do semáforo nutricional de cada prato.

O xurado, formado por representantes da Escola de Alimentación EROSKI, cociñeiros profesionais e membros do Basque Culinary Center, seleccionou os 30 concursantes finalistas. Os mozos participantes rexistrados na páxina web votaron posteriormente de entre os finalistas os seus dez favoritos. Posteriormente, o xurado determinou os tres debuxos gañadores de entre os mellores clasificados.

Cuarta edición do Programa Educativo “Enerxía para Medrar”

Este concurso forma parte das actividades que acompañan a cuarta edición do Programa Educativo sobre Alimentación e Hábitos Saudables (PEAHS), Enerxía para Medrar, da Fundación EROSKI. Na súa actual cuarta edición (curso 2015-2016) o programa continúa a aumentar o número de participantes e xa superou a participación de 75.000 escolares de 900 escolas de toda España. No global das súas catro edicións o 15% das escolas de Primaria de España participaron no programa Enerxía para Medrar.