Alimentación en clave de futuro
Desafíos, oportunidades e perspectivas na nutrición do mañá
26-11-2015
PALACIO EUSKALDUNA, BILBAO
Neste novo Encontro seguimos a poñe-lo foco no fomento dunha alimentación axeitada e duns hábitos de vida saudables, razón de ser da Fundación EROSKI e da súa Escola de Alimentación. Mais esta vez farémolo coa vista posta no futuro. Partindo da análise da realidade da poboación española na actualidade (a forma de comer, os hábitos de vida que temos, o que sabemos sobre alimentación) queremos avanzar as tendencias que están por vir e ser capaces de prever as actuacións necesarias para un futuro máis saudable.
Este punto de partida proporcionaránolo os resultados do Estudio sobre Hábitos Alimentarios e Estado Nutricional da Poboación Española (Estudio ENPE), un traballo pioneiro promovido pola Fundación EROSKI e liderado polo Dr. Javier Aranceta que nos vai permitir coñecer moito máis acerca dos patróns de alimentación da poboación española e do noso estado nutricional. Desenvolvido ao longo dun ano en catro vagas sobre unha mostra de 6.800 persoas de tódalas idades e de tódalas Comunidades Autónomas, trátase do estudio científico sobre hábitos alimentarios máis completo realizado ata agora en España. Unha ambiciosa iniciativa que será de grande utilidade tanto ás autoridades e institucións sanitarias, como ao resto de axentes implicados (entre eles a distribución), á hora de planificar as estratexias futuras para impulsar unha alimentación equilibrada e un estilo de vida saudable.
Neste Encontro terán cabida distintos puntos de vista para debuxa-lo mapa da alimentación do futuro. Grazas as achegas de prestixiosos especialistas en distintos campos saberemos máis acerca da forma en que cambiarán os hábitos alimentarios co envellecemento da poboación, descubriremos se nos próximos anos aumentará a prevalencia das alerxias e intolerancias alimentarias e entenderemos o que pode aportar a biotecnoloxía ao campo da nutrición. Trazaremos ademais as posibles estratexias para preservar un patrón de alimentación tan saudable como é a Dieta Mediterránea e para fomentar a produción de alimentos sustentable e respectuosa co medio, atendendo tamén ás propostas para a promoción da saúde que parten das Administracións Públicas. Todo iso sen esquecer o papel da gastronomía, un ámbito innovador que tanto interese esperta nos nosos días e que é patrimonio da rexión que acolle este Encontro.