MÁIS DE 460.000 ESCOLARES PARTICIPARON NA ESCOLA DE ALIMENTACIÓN DE EROSKI DURANTE O CURSO 2017-2018

ESCOLA DE ALIMENTACIÓN DE EROSKI

Duplicouse o número de inscricións rexistradas con respecto ao curso
anterior

MÁIS DE 460.000 ESCOLARES PARTICIPARON NA ESCOLA DE ALIMENTACIÓN DE EROSKI DURANTE O CURSO 2017-2018

  • Case o 16% dos escolares de 2º e 3º ciclo de primaria de España, aos que se dirixe o programa, interveu na iniciativa
  • O 28,5% dos centros escolares de Educación Primaria de España participou no programa dende o seu inicio no 2013
  • A iniciativa busca sensibilizar os estudantes sobre a importancia de teren unha alimentación equilibrada e un estilo de vida saudable
  • Durante este curso incorporáronse obradoiros impartidos por cociñeiros do Basque Culinary Center
  • Para o vindeiro curso están previstas novidades como un vídeo do exitoso obradoiro 'O Chef da Clase' e visitas a novos produtores agroalimentarios
  • O Programa Educativo de Alimentación da Fundación EROSKI (PEAHS) foi premiado o pasado ano como unha das mellores accións de comunicación de RSC desenvolvidas no 2016 en España

Elorrio, 29 de xuño do 2018.- Un total de 460.401 escolares de toda España de 3.192 centros de Educación Primaria participaron na VI edición do Programa Educativo en Alimentación e Hábitos de Vida Saudables (PEAHS) que desenvolve a Escola de Alimentación da Fundación EROSKI. Case o 16% dos escolares de 2º e 3º ciclo de Primaria de España, aos que se dirixe o programa, e o 23% do total das escolas de primaria de España interviñeron na iniciativa durante este curso 2017- 2018. Con respecto ao curso anterior, o número de escolares e mais o de escolas medrou notablemente, un 143% e un 89%, respectivamente. Estes datos confirman a valoración positiva do programa, que nos últimos catro anos multiplicou por sete o número de participantes.

As escolas inscritas no programa dende o seu inicio no 2013 supoñen o 28,5% dos centros escolares de Educación Primaria de toda España. "O noso programa educativo ten como fin sensibilizar os nenos e nenas de Primaria e o seu contorno sobre a importancia de levaren unha alimentación equilibrada e uns hábitos de vida saudables para tratar de frear a crecente taxa de obesidade infantil cun programa á súa medida que os ensina a comer san e a medrar fortes", sinalou o director da Fundación EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa. "No 2013 puxemos en marcha este programa e dende aquela participaron un total de 869.411 escolares de 3.968 escolas diferentes", detallou.

Este programa enmárcase dentro do terceiro compromiso dos renovados compromisos pola Saúde e Sostibilidade, que fai referencia á prevención da obesidade infantil. O programa configurouno un Comité Científico formado por profesionais de diferentes disciplinas: medicina e pediatría, nutrición e dietética, psicopedagoxía e pedagoxía. "Ano tras ano o programa medra e mellora os seus contidos a partir das valoracións e achegas realizadas polos docentes que xa participaron", explicou o director da Fundación EROSKI.

Novidades para o curso que vén​

O programa conta con dez sesións didácticas que se desenvolven na aula e que se completan con tres tipos de obradoiros prácticos. Os alumnos aprenden a realizar unha compra saudable nunha tenda EROSKI e teñen a oportunidade de visitar as instalacións dun produtor agroalimentario local, para coñeceren de primeira man a orixe dos alimentos.

Os contidos buscan formar o alumnado sobre os elementos básicos dunha alimentación equilibrada, hábitos de vida saudables, o coñecemento de produtos locais, as dietas de diferentes culturas do mundo e a sostibilidade do planeta. Unicef, WWF e a Fundación Española do Corazón son colaboradoras da Escola de Alimentación e elaboraron parte dos contidos do programa educativo.

Durante o curso 2017-2018 realizáronse case 1.000 obradoiros en 202 tendas EROSKI, nos que participaron case 20.000 escolares. "Este ano reformulamos os obradoiros tradicionais en tenda para facelos aínda máis divertidos e didácticos e incorporamos un novo formato de obradoiro en tenda O Chef da Clase e mais un programa de actividades para realizar en familia, de xeito que o aprendido na aula e nos obradoiros se poida poñer en práctica na casa", explicou Martínez Berriochoa.

De cara ao curso que vén, incorporaranse ao programa educativo novos contidos e actividades. "Estenderemos os novos formatos de obradoiros do Chef da Clase con novidades como un novo vídeo e aumentaremos o número de produtores locais de alimentos para incrementar os obradoiros que con tanto éxito cubrimos cada curso. Ademais, incorporaremos un módulo de repaso que funcionará como complemento ao programa, para trimestralmente insistir, de maneira educativa, na alimentación e na importancia de seguir unha dieta saudable e equilibrada e tamén actualizaremos as actividades das unidades didácticas", adianta o director de Fundación EROSKI. Ademais, o concurso de debuxos de receitas saudables 'Imagine Food' terá unha terceira edición o vindeiro curso cun novo formato. As escolas interesadas en participar neste programa PEAHS durante o vindeiro curso 2018-2019 pódense inscribir a través de www.escueladealimentacion.es ou do teléfono de atención 946 072 841.

Premio OCARE, novo recoñecemento ao PEAHS

O programa formativo da Fundación EROSKI para promover unha alimentación máis saudable conta con numerosos recoñecementos. Entre eles atópase o premio OCARE á "Mellor campaña de comunicación RSC coa sociedade civil" logrado o pasado ano. O Observatorio da Comunicación e a Acción da Responsabilidade Empresarial (OCARE) premiou o Programa Educativo en Alimentación e Hábitos de Vida Saudables (PEAHS) como unha das mellores accións de comunicación de RSC desenvolvidas no 2016 en España. Os premios OCARE teñen como obxectivo recoñecer as mellores iniciativas e accións da Comunicación arredor da Responsabilidade Social Corporativa (RSC).

Ademais, o PEAHS conta con numerosos recoñecementos, entre eles o Premio "O Chupete" no Festival Internacional de Comunicación Infantil en recoñecemento á comunicación dirixida a menores; o Premio NAOS outorgado polo Ministerio de Sanidade e Consumo en recoñecemento á súa achega á saúde dos consumidores e á difusión de hábitos de vida saudables; o Selo Gosasun de Innobasque (Axencia Vasca de Innovación); o Premio Cidadán na categoría de Saúde e Calidade de Vida; e o Premio do Centro Catalán da Nutrición (CCNIEC).