EROSKI IMPULSA O ESTUDO CIENTÍFICO MÁIS COMPLETO SOBRE HÁBITOS ALIMENTARIOS

Presentación dos Resultados Preliminares no Congreso Médico SEMERGEN que se celebra en Bilbao

EROSKI IMPULSA O ESTUDO CIENTÍFICO MÁIS COMPLETO SOBRE HÁBITOS ALIMENTARIOS

  • O Estudo impulsado por Fundación EROSKI, con 6.800 persoas de toda España, analizará as características dietéticas de estratos específicos da poboación e a súa relación co seu estado de saúde
  • Permitirá, ademais, planificar actuacións para impulsar unha alimentación equilibrada e estilos de vida saudables
  • Os resultados preliminares identifican cambios alimentarios como a redución de alimentos ricos en graxas e graxas de orixe animal e un menor consumo de sal e azucres como consecuencia das enfermidades crónicas máis comúns, e mais tamén unha diminución das porcións habituais

Bilbao, 10 de outubro do 2014.- O 36o Congreso da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria - SEMERGEN que está a ter lugar estes días en Bilbao acolleu hoxe a presentación dos resultados preliminares do Estudo EROSKI á Poboación Española sobre Hábitos Alimentarios e Estado Nutricional da Poboación.

Os españois preocúpanse cada vez máis polo seu estado de saúde, que está moi influenciado polos hábitos de vida e alimentación entre outros factores. O obxectivo desta investigación é coñecer e avaliar os hábitos alimentarios e dietéticos da poboación española a través dunha mostra representativa de 6.800 persoas distribuídas por cada unha das Comunidades Autónomas. Trátase do estudo máis completo realizado en España ata a data, unha iniciativa posta en marcha pola Fundación EROSKI no seu compromiso pola promoción dunha alimentación equilibrada e duns hábitos de vida saudables.

O director da Fundación EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa, declarou que "se trata dun proxecto ambicioso que ratifica o noso compromiso coa saúde e que esperamos que se converta nunha referencia para a comunidade científica e para os profesionais da saúde. Servirá, ademais, para orientar as actividades formativas para o consumidor impulsadas pola Escola de Alimentación EROSKI", engadiu.

O Dr. Javier Aranceta, Presidente do Comité Científico da Sociedade Española de Nutrición Comunitaria SENC, Profesor Asociado de Nutrición Comunitaria na Universidade de Navarra e vicepresidente da Academia Española de Nutrición AEN, é o Director Científico deste Estudo EROSKI, que xa está en marcha. Ao comezar a súa intervención o Dr. Aranceta sinalou que "estamos ante o estudo máis rigoroso e completo tras a crise económica sobre os hábitos de alimentación e o estado nutricional que permitirá avaliar os patróns de alimentación en España e planificar actuacións sostibles encamiñadas a mellorar os hábitos alimentarios e estilos de vida relacionados no noso país".

A investigación, baseada nun traballo de campo cunha duración de 12 meses, recolle de xeito individualizado os datos dun total de 400 individuos por Comunidade Autónoma, mostra representativa da poboación española tanto adulta como infantil, segmentados por sexo, idade e outras variables sociodemográficas.

O estudo EROSKI servirá principalmente para obter información cuantitativa detallada da inxestión de alimentos e nutrientes, fontes dos nutrientes e estatus nutricional da poboación española. Ademais, grazas a el poderanse analizar as características dietéticas de estratos específicos da poboación e a súa relación co seu estado de saúde; coñecer a altura, peso e outras medidas antropométricas nunha mostra representativa de individuos e examinar a súa relación con datos sociodemográficos dietéticos e de saúde; avaliar os individuos con inxestión de

nutrientes específicos que estean por riba e por baixo das recomendacións da comunidade científica, e mais tamén os niveis de actividade física da poboación.

Segundo salientou durante a súa intervención o Dr. Aranceta, "durante o pasado mes de abril e como punto de partida do Estudo EROSKI que xa está en marcha, realizouse a enquisa piloto nas comunidades do País Vasco e Navarra", engadindo que "os resultados desta mostra piloto, aínda que limitados, por ser unha mostra de poboación reducida e non significativa do conxunto da poboación española, serviron para identificar os cambios alimentarios que se producen na poboación, como consecuencia das enfermidades crónicas máis comúns".

As primeiras conclusións que se desprenden do informe preliminar indican que, como consecuencia do estado xeral de saúde ou como consecuencia dalgunhas patoloxías crónicas, algúns enquisados tiveran que realizar modificacións na súa dieta habitual, fundamentadas nas seguintes categorías: redución da inxestión de alimentos ricos en graxas en xeral, redución da inxestión de sal, redución da inxestión de graxas de orixe animal, redución do consumo de alimentos ricos en azucres e a limitación do tamaño ou cantidade das porcións consumidas.

En relación ao Índice de Masa Corporal, tal e como salientou o Dr. Aranceta, na proba piloto destacouse unha maior prevalencia da obesidade nos homes ca nas mulleres, mentres que a prevalencia de sobrepeso é maior nas mulleres. A detección de sobrepeso ou de obesidade nun paciente realízase baseándose no valor que indique o seu Índice de Masa Corporal, IMC, polo que falamos dunha persoa con sobrepeso cando o seu IMC está nos valores comprendidos entre 25 e 29,99 e de obesidade con valores de IMC iguais ou superiores a 30.

Malia a que os principais expertos en Nutrición, entre eles a Sociedade Española de Nutrición Comunitaria, SENC, recomenden a inxestión de 5 comidas ao día,  os datos extraídos do estudo piloto indican que a maioría da poboación realiza o almorzo, o xantar e mais a cea, mentres que son os menos os que toman algo a media mañá, a media tarde ou despois da cea.

Tal e como puntualizou o Dr. Aranceta "haberá que agardar á finalización do estudo para obter resultados segmentados, completos e estatisticamente representativos da sociedade española".

Sobre o Estudo EROSKI

Estudo EROSKI á Poboación Española sobre Hábitos Alimentarios e Estado Nutricional da Poboación

  • Total de individuos do estudo: mostra aleatoria de 6.800.
  • 400 individuos de cada unha das Comunidades Autónomas.
  • 12 meses de estudo durante os cales se irán ofrecendo conclusións sobre o cambio de hábitos alimentarios ao longo das distintas estacións do ano.
  • Catro grupos de idades: dos 3-8 anos, 9-18 anos, 19-64 anos e persoas maiores de 65 anos.
  • Recollida de datos por entrevista individual repetida en relación a hábitos alimentarios, historia dietética, enfermidades padecidas, consumo de medicamentos, tipificación do grao de actividade física, temas de seguridade alimentaria, etiquetaxe e coñecementos en materia de alimentación e nutrición, entre outros.
  • O estudo propón unha fase inicial de coñecemento da situación relacionada cos hábitos alimentarios, estilos de vida da poboación e os seus factores determinantes, co obxectivo de establecer accións futuras de promoción da saúde con criterios obxectivos e sostibles baseados na evidencia científica.

 

Para máis información sobre o Estudo EROSKI

Nieves Herranz : nieves.herranz-garcia@sprim.com

Laura Sanz: laura.sanz@sprim.com

Tel: 91 577 90 65

Para máis información sobre EROSKI e Fundación EROSKI

Ziortza Beristain: zberistain@consejerosdelnorte.com

Edurne Izquierdo: eizquierdo@consejerosdelnorte.com

Tel: 944 158 642