O 61% DA POBOACIÓN ADULTA ESPAÑOLA SOFRE XA SOBREPESO OU OBESIDADE

Nota de prensa
  • A promoción da actividade física e mais unha alimentación equilibrada son as claves para reverter a situación
  • Os expertos insisten na necesidade dunha mellor vixilancia sistemática, da implementación de estratexias preventivas de carácter xeral a toda a poboación e de accións asistenciais específicas para as persoas afectadas
  • Baixo o título Alimentación Equilibrada. Onde estamos e cara a onde imos? Que nos depara a nutrición no futuro expertos no eido da nutrición analizaron os retos aos que se enfronta a sociedade neste ámbito

San Sebastián, 4 de novembro do 2016.- A Fundación EROSKI celebra ao longo desta mañá en San Sebastián a sexta edición dos encontros da súa Escola de Alimentación, baixo o título Alimentación Equilibrada. Onde estamos e cara a onde imos? Que nos depara a nutrición no futuro. O acto inaugural contou coa presenza e intervención da directora de Saúde Pública e Adiccións do Goberno Vasco, Miren Dorronsoro, da concelleira delegada de Acción Social do Concello de San Sebastián, Aitziber San Román, e mais do presidente de EROSKI, Agustín Markaide.

O presidente de EROSKI, Agustin Markaide, agradeceu a presenza e interese dos profesionais da saúde e da nutrición participantes no encontro. “En Eroski queremos contribuír a unha alimentación máis saudable e máis responsable de dúas maneiras: a primeira, poñendo ao alcance do consumidor mellores produtos, para que sexa máis doado compor unha dieta máis equilibrada, e a segunda, proporcionándolle información e formación ao consumidor para que teña maior criterio á hora de deseñar a súa dieta. Todo iso forma parte dun compromiso intrínseco á nosa misión cooperativa. A celebración de xornadas coma a de hoxe permítenos obter valiosas achegas para afinar diagnósticos e marcar prioridades á hora de deseñar accións comerciais e formativas dirixidas aos consumidores”.

O encontro ten como obxectivo a abordaxe, análise e debate sobre os próximos retos aos que se enfronta a nosa sociedade no eido da nutrición. A presidenta da Sociedade Española de Nutrición Comunitaria (SENC), Carmen Pérez-Rodrigo, protagonizou a primeira das conferencias. A Dra. Pérez Rodrigo sinalou “a necesidade de manter e incentivar os programas comunitarios de promoción da actividade física e estilos de vida saudables para reverter a preocupante situación en relación coa obesidade”. Para describir esta situación a Dra. Rodrigo baseouse nos datos ofrecidos polo Estudo sobre Hábitos Alimentarios e Estado Nutricional da Poboación Española, promovido pola Fundación EROSKI en colaboración coa SENC e SPRIM, e do que foi responsable da coordinación técnica.

O estudo ENPE puxo de manifesto que a prevalencia de sobrepeso estimada na poboación adulta española (25-64 anos) é do 39% e a da obesidade do 22% e aumenta coa idade, datos que se plasman nun artigo publicado na Revista Española de Cardioloxía. Segundo detallou a Dra. Pérez-Rodrigo “apréciase unha maior prevalencia da obesidade en zonas como Asturias, Galicia e Andalucía, ao tempo que son menores no País Vasco, Cataluña e Baleares”. Se ben presenta unha distribución desigual entre as distintas comunidades autónomas, a prevalencia da obesidade en España é alta. Por iso, durante o Encontro insistiuse na necesidade dunha mellor vixilancia sistemática, especialmente nos grupos de poboación con maior risco, na implementación de estratexias preventivas de carácter xeral dirixidas a toda a poboación e en accións asistenciais específicas para as persoas afectadas.

Se se suman as proporcións de prevalencia de sobrepeso e obesidade, o 61% da poboación adulta española, entre os 25 e 64 anos, está afectada, o 70% dos varóns o 53% das mulleres. Aumentan significativamente coa idade as taxas de sobrepeso e de obesidade en ambos os dous sexos, e é maior nos homes para todos os grupos de idade.

PREVALENCIA DA OBESIDADE E SOBREPESO NA POBOACIÓN ADULTA (25-64 ANOS) EN ESPAÑA

 
 
         
 

OBESIDADE

SOBREPESO

SOBREPESO + OBESIDADE

 

Asturias

26%

41%

67%

 

Galicia

25%

44%

68%

 

Andalucía

24%

39%

63%

 

Murcia

24%

42%

65%

 

Madrid

24%

39%

63%

 

Aragón

24%

37%

60%

 

Castela A Mancha

24%

40%

64%

 

Castela León

22%

34%

56%

 

Navarra

21%

36%

57%

 

Canarias

20%

40%

60%

 

C. Valenciana

20%

37%

57%

 

Estremadura

19%

38%

57%

 

A Rioxa

18%

39%

57%

 

Cantabria

18%

39%

57%

 

País Vasco

17%

34%

51%

 

Cataluña

16%

40%

55%

 

Baleares

11%

32%

43%

 

MEDIA

22%

39%

61%

 

Fonte: Estudo ENPE promovido por Fundación EROSKI

Datos publicados en Prevalencia da obesidade xeral e obesidade abdominal na poboación adulta española (25–64 anos) 2014–2015: estudo ENPE Revista Española de Cardioloxía, Volume 69, Issue 6, páxinas 579-587)

 
 

O estudo ENPE ofrece un estudo epidemiolóxico poboacional sobre a base dunha mostra representativa de 6.800 persoas con idades comprendidas entre os 3 e os 90 anos, a partir dun traballo de campo baseado en medicións e entrevistas individuais.

A necesidade de medidas para volver á dieta mediterránea, especialmente dirixidas a adultos novos e poboación pediátrica, centrou a intervención do catedrático de Nutrición e Bromatoloxía do Departamento de Bioquímica e Biotecnoloxía da Universidade Rovira i Virgili de Reus, Jordi Salas-Salvadó, que puxo en valor a acumulación de evidencias ao longo dos últimos anos sobre os posibles mecanismos que explicarían a protección da saúde que proporcionan os alimentos que compoñen a dieta mediterránea. En concreto, indicou que o estudo PREDIMED, do que o Dr. Salas-Salvadó é un dos principais promotores, “é o primeiro que cun gran nivel de evidencia científica demostrou que a dieta mediterránea suplementada con aceite de oliva virxe ou froitos secos reduce nun 30% o risco de eventos cardiovasculares ou mortes por enfermidade cardiovascular en comparación a unha dieta baixa en graxa”.

O especialista en Endocrinoloxía e Nutrición do Hospital de Basurto, Fernando Goñi, deu a coñecer na súa intervención a súa experiencia clínica sobre hábitos saudables na sociedade vasca. O Dr. Goñi partiu dos datos achegados polo estudo ENPE, impulsado pola Fundación EROSKI, sobre os hábitos alimentarios da poboación vasca. “O modelo predominante no País Vasco segue un perfil concordante coa dieta mediterránea, cun maior consumo de peixe e viño tinto ca outras zonas xeográficas”, sinalou. O contrapunto negativo é que “nos últimos anos detectouse un aumento considerable do consumo de produtos de bolería, embutidos e refrescos e máis do 80% da poboación nova realiza inxestións de graxa por riba das recomendacións establecidas”, en palabras do especialista. O Dr. Goñi concluíu a súa intervención manifestando a necesidade de “implicar os organismos públicos e privados para que adopten estratexias globais para loitar contra a obesidade, considerada como a pandemia do século XXI”.

O encontro péchase cunha mesa redonda na que participan o director da Fundación EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa, amais da catedrática do Departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Ciencias da Alimentación, Toxicoloxía e Medicina Legal da Universidade de Valencia, Dolores Corella, o doutor en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade do País Vasco UPV/EHU, Bittor Rodríguez, e mais o director xeral de AZTI, Rogelio Pozo.

A Dra. Corella, pioneira en España na integración de datos xenómicos na investigación epidemiolóxica tradicional, analizará polo miúdo as posibilidades de personalización da dieta a través da nutrixenómica, con especial atención ás súas interaccións no eido das enfermidades cardiovasculares e da obesidade.

O Dr. Bittor Rodríguez, pola súa banda, dará a coñecer os avances no programa de fomento do consumo de froitas e hortalizas entre escolares que desenvolve o Observatorio Nutricional de Vitoria-Gasteiz, pois pertence ao seu comité de asesoramento científico. O observatorio naceu no 2010, froito dunha alianza entre o Concello de Vitoria-Gasteiz e a Universidade do País Vasco UPV/EHU, logo de se detectar que unicamente dous de cada dez escolares consumía en cantidade adecuada froita e un de cada dez hortalizas.

O director xeral de AZTI, Rogelio del Pozo, analizará a relación entre alimentación e emocións a partir dos resultados das investigacións en sensorialidade dos alimentos relacionada coa alimentación, que poñen de manifesto a importancia da cultura gastronómica á hora de moldear os nosos sentidos e de favorecer a adaptación ao contorno. As investigacións tamén evidencian que o 90% das decisións de aceptación e rexeitamento de alimentos se producen pola intervención da vista e do olfacto.

Tras o peche da xornada, que correrá a cargo da deputada do Departamento de Políticas Sociais da Deputación Foral de Guipúscoa, Maite Peña, da directora de I+D+i do Basque Culinary Center, Elena Urdaneta, e do director da Fundación EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa, os asistentes poderán degustar un pincho elaborado polo chef investigador do centro de I+D do Basque Culinary Center, Iñigo Cojo, co emprego de técnicas culinarias innovadoras e saudables.