Segundo datos da segunda vaga de enquisas do Estudo sobre Hábitos Alimentarios e Estado Nutricional da Poboación Española en máis de 3.100 persoas
Segundo datos da segunda vaga de enquisas do Estudo sobre Hábitos Alimentarios e Estado Nutricional da Poboación Española en máis de 3.100 persoas
- O director científico do Estudo sobre Hábitos Alimentarios e Estado Nutricional da Poboación Española (ENPE) impulsado pola Fundación EROSKI, o Dr. Javier Aranceta, presentou os datos preliminares que comezan a perfilar a radiografía do estado nutricional da poboación española
- O médico perfílase como a principal fonte de información sobre alimentación e nutrición dos españois e, entre os medios de comunicación, Internet destaca como fonte de consulta
- Menos dun terzo da poboación repara na información ofrecida na etiquetaxe dos alimentos, alén da data de caducidade
Madrid, 19 de febreiro do 2015.- As XIX Xornadas Internacionais de Nutrición Práctica que se celebran estes días na Facultade de Medicina da Universidade Complutense en Madrid acolleron hoxe a presentación dos resultados da segunda vaga de enquisas do 'Estudo sobre Hábitos Alimentarios e Estado Nutricional da Poboación Española'. Esta investigación ten como obxectivo coñecer e avaliar os hábitos alimentarios e estado nutricional da poboación española a través dunha mostra representativa de 6.800 persoas distribuídas por cada unha das Comunidades Autónomas. Trátase do estudo máis completo realizado en España ata hoxe, unha iniciativa posta en marcha pola Fundación EROSKI a través da súa Escola de Alimentación no seu compromiso por informar e promover unha alimentación equilibrada e hábitos de vida saudables.
O Dr. Javier Aranceta, presidente do Comité Científico da Sociedade Española de Nutrición Comunitaria (SENC), profesor asociado de Nutrición Comunitaria na Universidade de Navarra e vicepresidente da Academia Española de Nutrición (AEN), é o director científico do Estudo ENPE patrocinado pola Fundación EROSKI. Antes de presentar os resultados das enquisas na súa intervención, Aranceta lembrou que "estamos ante o estudo científico máis rigoroso e completo logo da crise económica sobre os hábitos de alimentación e o estado nutricional, que vai permitir avaliar os patróns de alimentación en España e planificar actuacións sostibles encamiñadas a mellorar os hábitos alimentarios e estilos de vida relacionados no noso país".
Estado de saúde e nutricional da poboación española
O Dr. Aranceta presentou os datos tras a segunda vaga de enquisas a máis de 3.100 persoas de todas as comunidades autónomas, realizadas entre abril e setembro do 2014. Entre outras cuestións, os resultados revelan que o 29% das persoas entrevistadas
presenta algún problema de saúde crónico, cada vez máis prevalentes. A hipertensión arterial, a hipercolesterolemia e mais a diabete son os problemas de saúde crónicos que, por orde de maior incidencia, afectan a máis españois. Ademais, as enquisas realizadas sinalan que só un 12% afirma incorporar cambios na súa dieta habitual como parte do tratamento ou prevención dos problemas asociados, e que son as mulleres as que modifican a súa dieta en maior medida. Os principais cambios no patrón dietético como consecuencia dun problema de saúde que incorporan os españois relaciónanse coa redución da graxa, do azucre e do sal, e en menor medida, co tamaño das racións.
Hábitos de consumo máis espallados
O Dr. Aranceta tamén explicou que nesta fase da investigación os datos revelan que "a maioría dos enquisados realiza as tres comidas principais do día, malia a que os principais expertos en Nutrición recomendan a inxestión de cinco comidas". Segundo as enquisas realizadas, o 91% das persoas respecta o almorzo, o 99% o xantar e o 97% a cea. Non obstante, o 44% non toma nada a media mañá e o 38% non merenda.
Os alimentos máis habituais no almorzo son o leite, o café e mais o pan: máis do 50% da poboación inclúeos na súa dieta. A media mañá a froita e o bocadillo son os máis usuais. Na merenda, os alimentos máis frecuentes son a froita, o leite, o bocadillo e o café. No tocante aos hábitos de consumo do xantar, arredor do 80% da poboación afirma inxerir un primeiro e un segundo prato quentes acompañados de auga de bebida; máis do 50% tamén consume frecuentemente durante o xantar, froita, pan e un primeiro prato frío.
O director científico do Estudo lembrou antes de debullar máis polo miúdo os resultados da segunda vaga de enquisas que "a duración das comidas, a compaña e as actividades que se realizan mentres se come tamén inflúen nos hábitos alimentarios". Case a metade dos enquisados indicou que lle dedica menos de 10 minutos ao almorzo, o 71% menos de 30 minutos ao xantar e un terzo menos de 20 minutos á cea. O 42% das persoas entrevistadas almorza só, sen compaña, e o 20% faino en familia. O xantar e a cea adoitan realizarse en familia, segundo sinalan, respectivamente, o 36% e 44% dos enquisados.
Entre as actividades habituais da poboación española durante as comidas, os resultados desta fase do Estudo sinalan o hábito de ver a televisión como o máis estendido; concretamente, o 44% faino durante o almorzo, o 63% durante o xantar e a cifra elévase ao 67% durante a cea. Tamén é frecuente conversar na mesa durante o xantar, o 40% faino no almorzo, e algo máis da metade no xantar e na cea, segundo se desprende dos datos recollidos a partir do traballo de campo.
Fontes de consulta sobre alimentación e nutrición
O médico revélase como a principal fonte de información sobre alimentación e nutrición para o 36% da poboación enquisada. Tamén se recorre a outros profesionais da saúde para realizar consultas: un 11% diríxelles as súas dúbidas a profesionais de enfermería e un 10% a dietistas-nutricionistas. O contorno social tamén é fonte de consulta relevante: máis dun 20% confía en familiares e case o 11% en amigos.
Entre os medios de comunicación destaca Internet, unha fonte de información habitual para o 15% das persoas entrevistadas e ocasional para o 14,5%. As revistas divulgativas son
referencia habitual para o 11%, pero máis do 31% consúltaas ocasionalmente. A televisión é tamén un punto de referencia para case o 11%.
Entre os temas de información sobre alimentación máis consultados cómpre salientar os relacionados con problemas de saúde, seguidos de cuestións relacionadas coa alimentación dos nenos e coas dietas para adelgazar.
No tocante á etiquetaxe como fonte de información sobre alimentación e nutrición, o 76% da poboación afirma fixarse na data de caducidade. Menos dun terzo da poboación di poñer atención no resto dos datos facilitados nas etiquetas dos alimentos, e entre eles os máis consultados son a cantidade que contén o envase e a lista de ingredientes. Os interesados na achega nutricional que se amosa na etiquetaxe redúcense ao 11%.
O Dr. Aranceta finalizou a súa intervención lembrando que "haberá que agardar ao remate do estudo en outono do 2015 para obter resultados segmentados, completos e estatisticamente representativos da sociedade española, se ben hai aspectos que reflicte o estudo que xa se van consolidando".
Sobre o Estudo á Poboación Española sobre Hábitos Alimentarios e Estado Nutricional impulsado pola Fundación EROSKI
- Total de individuos do estudo: mostra aleatoria de 6.800.
- 400 individuos de cada unha das Comunidades Autónomas.
- 12 meses de estudo durante os cales se irán ofrecendo conclusións sobre o cambio de hábitos alimentarios ao longo das distintas estacións do ano.
- 4 grupos de idades: de 3-8 anos, de 9-18 anos, de 19-64 anos e maiores de 65 anos.
- Recollida de datos por entrevista individual repetida en relación a hábitos alimentarios, historia dietética, enfermidades padecidas, consumo de medicamentos, tipificación do grao de actividade física, temas de seguridade alimentaria, etiquetaxe e coñecementos en material de alimentación e nutrición, entre outros.
- O estudo propón unha fase inicial de coñecemento da situación relacionada cos hábitos alimentarios, estilos de vida da poboación e os seus factores determinantes co obxectivo de establecer accións futuras de promoción da saúde con criterios obxectivos e sostibles baseados na evidencia científica.
Para máis información sobre o Estudo ENPE da Fundación EROSKI
Nieves Herranz: nieves.herranz-garcia@sprim.com
Laura Sanz: laura.sanz@sprim.com
Tel: 91 577 90 65
Para máis información sobre EROSKI e Fundación EROSKI
Ziortza Beristain: zberistain@consejerosdelnorte.com
Edurne Izquierdo: eizquierdo@consejerosdelnorte.com
Tel: 944 158 642